Seminario de Emprendedorismo Imprimir
Escrito por CXG   
Martes, 30 de Marzo de 2010 16:14

 

SEMINARIO PARA A MOTIVACIÓN EMPRENDEDORA E A DIFUSIÓN DE CREACIÓN DE EMPRESAS

6 de maio de 2010 - Santiago de Compostela

Escola Galega de Administración Pública

O Consello da Xuventude en colaboración con BIC Galicia, organiza este Seminario de Motivación Emprendedora para promover e difundir como se xeran as ideas empresariais e romper os mitos sobre a figura da persoa emprendedora, amosando a través de experiencias persoais de emprendedores e emprendedoras galegas, que calquera persoa con ganas e esforzo pode desenvolver un proxecto empresarial.

Contido:

O seminario segmentarase en tres partes: 

A figura da persoa emprendedora: exporase como pedra angular de calquera proxecto empresarial e analizarase a relación entre o éxito da empresa e as características persoais da persoa emprendedora. 

A través de casos reais de empresas implantadas en Galicia, abordaranse aspectos como as aptitudes desexables nun emprendedor ou emprendedora, as habilidades, coñecementos e actitudes necesarias, os mitos que hai que superar, as principais barreiras que adoitan atopar e as diferentes motivacións que impulsan a emprender.

A idea de negocio:
analizarase que concepto queremos vender e cal será o perfil do noso cliente potencial. Examinaranse as distintas fontes de ideas e concluirase coa idea de que a viabilidade dun proxecto depende en gran medida da calidade e madureza da idea inicial. Por último, abordaranse as diferentes fontes de información ás que o emprendedor ou emprendedora  deberá acceder para recompilar datos, procesalos e analizalos co fin de examinar os visos de viabilidade a partir do punto de vista comercial, económico-financeiro e técnico–legal.

A posta en marcha: analizarase como levar a cabo a transformación da “idea” en “proxecto”, a necesidade de desenvolver un plano de empresa rigoroso e os recursos humanos e materiais que son necesarios para poñer en marcha o proxecto. Mostraranse ademais unha serie de instrumentos e recursos que están dispoñibles para as persoas emprendedoras e que supoñen unha importante axuda para acadar o éxito nos seus proxectos de empresa.

Ao longo de todo o seminario exporanse casos reais de emprendedores e emprendedoras que desenvolveron un proxecto empresarial en Galicia (extraídos do Banco de Proxectos Empresariais), no que se abordan aspectos como o historial da persoa emprendedora, os recursos dos que dispoñía, a orixe da súa idea empresarial, as motivacións que a levaron a desenvolver o seu proxecto, as dificultades que tivo que superar e as ameazas que se avistan no seu sector ou mercado, así como os factores aos que se pode atribuír o éxito da súa empresa.

Para o peche do seminario contaremos coa colaboración de Carlos González Figueiras, un emprendedor local que nos expoñerá a súa experiencia persoal na creación da empresa Holística Consultora para a Lusofonía.  Esta empresa nova é unha consultora cultural e spin-off con orixe no Grupo de Investigación Galabra da Universidade de Santiago de Compostela.  Constituíuse en agosto do 2009, e naceu grazas á colaboración do programa “Empresa-Concepto” da USC para a creación de novas empresas. Está cualificada pola Xunta de Galicia como Iniciativa Empresarial de Base Tecnolóxica (IEBT), e entre os produtos que oferta podemos atopar a asesoría sobre relacións culturais e lingüística, a elaboración de contidos culturais, a organización de eventos, a formación cultural e lingüística, a elaboración de planos e campañas de dinamización do turismo cultural e a planificación cultural e lingüística.

Programa:


O seminario terá unha duración aproximada de 3 horas, estruturadas aproximadamente segundo o seguinte programa:

10’ Presentación do seminario e breve descrición de contidos

40’ A persoa emprendedora

15’ Descanso

40’ A Idea

40’ A Posta en marcha

30’ Intervención de Carlos González Figueiras da empresa Holística Consultora para a Lusofonía.

Lugar e data de realización


O Seminario para a Motivación e Difusión da Creación de Empresas desenvolverase na Escola Galega de Administración Pública, situada na rúa Madrid, 2 – 4, en Santiago de Compostela, o vindeiro día 6 de maio en horario de 16:00 a 19:30 h aproximadamente.

Persoas destinatarias


O seminario está  dirixido a  persoas con inquedanzas emprendedoras, desempregados e desempregadas, persoas traballadoras en activo, persoal técnico de emprego e promoción económica ou estudantes que, próximos á súa incorporación ao mundo laboral, deben coñecer opcións alternativas ao traballo por conta allea. Grupo máximo de 30 persoas.

Solicitude de inscrición gratuíta:


Se queres participar non tes máis que cubrir a ficha de inscrición que atoparás na nosa páxina web.

Publicarase a listaxe de participantes na web do CXG e a asistencia confirmarase por correo electrónico.

Prazo de inscrición: estará aberto ata o 21 de abril.

Votre navigateur ne gère peut-être pas l'affichage de cette image. 


ORGANIZACIÓN, INFORMACIÓN E INSCRICIÓN
Consello da Xuventude de Galicia
Edificio Área Central, Polígono de Fontiñas
Local L32 I-J-K
15703 Santiago de Compostela
Tel.: 981 569 560
Fax: 981 563 488
Esta dirección electrónica esta protegida contra spam bots. Necesita activar JavaScript para visualizarla